Calíope

Calíope / Colección de Viaxes Interiores.

Formato Medio: 120 x 170 mm.
Extensión Aproximada: 350 pxs. libro.

Enfocar textos escritos que teñan un criterio de narración persoal, na que o interesante sexa a maneira en que unha persoa enfoca unha transición no seu modelo de vida. Crear unha colección que responde á procura do «orixinario» de cada experiencia humana, facendo con iso posíbel unha trama melódica que apunte ao corazón de cada ser, motivando nel transformacións. Sinfonías que expanden a dimensión sensorial do individuo, facéndoo experienciador.

DICIMOS QUE esta colección foi fundada e é inspirada pola musa Calíope porque esta é coñecida dende tempos antigos como “a de fermosa voz”. A que embelesa aos que a escoitan, debido ao fino timbre do seu canto. Coma as sirtes do mar de Ulises, coma as xacias que pola Ribeira Sacra baixan… así son as palabras que chegan de Calíope. Por iso dicimos que esta colección ten un algo especial, debido a esas voces que a crean; voces xeralmente de carácter persoal, voces que falan dende o corazón, dende a experiencia dun mesmo, sen teorizacións ou abstraccións supermundanas. Esas voces proferidas dende o centro de cada un de nós, e que levantan barricadas de luz inmensa. Voces que, sen importar o agudas ou graves que sexan, sempre nos adentran cada vez máis na materia dos soños e nos fan respirar e atinxir algo belo no sendeiro que camiñamos. Nestas voces hai un pulo forte que responde ao anceio de cada un por encontrar respostas nun mundo estraño, nun mundo en descomposición. Voces que cantan, lírica ou epicamente, a construción dun ser que evolúe e cambia no senfín das posibilidades e das experiencias das formas de vida.

Son textos máis ou menos longos que, dun modo narrativo e con atisbos de carácter ensaístico (á usanza dos Essais de Michel de Montaigne) nos van falando das arquivoltas da vivencia autobiográfica; dende un extremo da vida até o outro. Por esta colección pasarán autores da talla do magnífico Tiziano Terzani, periodista italiano que -tras ser correspondente de guerra por medio Oriente- acabou comprendendo que “a viaxe interior é, finalmente, a única que lle queda por experienciar ao ser humano”. Ou outros máis novos como o francés Camille de Toledo que tras estudar nas máis altas escolas do mundo (London School of Economics, etc.) e participar nos movementos decisorios de finais do século XX e principios do XXI (Seattle, Praga, Xénova), rematou por entender que “a futilidade dunha existencia superconformista acaba sempre na concatenación de novas formas de capitalismo, sempre destrutoras, sempre anonadantes”. Outros e outras estarán nesta colección, aberta sempre ao marabilloso; ao fondo inmenso do soñar que nunca cesa. Por iso Calíope será a nosa anfitrioa, a nosa musa: a que nos guiará polos vales cercados, polas misteriosas selvas, polos mares de … En breve

Data de Inicio da Colección:
Primavera do 2012.

 

Títulos Iniciais Propostos

Camille de Toledo
Archimundano Jolipunk,
Confesións dun xove a contrafío.

Edmond Jabes
Do Deserto ao Libro:
Conversacións con Marcel Cohen.

Tiziano Terzani
Un Adiviño Díxome.

Sara Maitland
Unha Viaxe ao Silencio.